|
| DIVISIÓN MUNICIPAL - CONSTITUCIÓN DO CONCELLONo mapa de Hernando de Oxea de 1603, aparece como única poboación do Concello - de Neira - a de Paços de Neyra, noutros esta poboación é chamada Paços de N. A capitalidade administrativa do concello estaba en Paços de Neyra, o actual Santiago de Pousada. Máis tarde esta localidade pasa a chamarse póboa de Neyra, despois será chamada póboa de Neira de Xusá para diferenciala da zona veciña de Neira de Rei. A crecente importancia de Baralla - lugar de tránsito dos comerciantes maragatos con destino a Lugo - propiciou que esta localidade pasara a ser a capitalidade municipal. No territorio que agora comprende o concello de Baralla, con algunhas modificacións que veremos, cando se formaron os primeiros axuntamentos constitucionais ( a raíz da constitución de Cádiz de 1812 ) , existían os de Neira de Xusá e Neira de Rei. Cando se leva a cabo a primeira división municipal algo seria, a instancia do Real Decreto do 23 de xullo de 1835, e publicada a correspondente á provincia de Lugo no B.O.P.L.U. (Boletín Oficial da Provincia de Lugo) do 22 de novembro de 1835, polo Marqués de Astariz, seguen figurando os mesmos dous axuntamentos do período liberal, é dicir, Neira de Rei e Neira de Xusá, coas seguintes parroquias: NEIRA DE XUSÁ: Aranza, Arroxo, Baralla, Berselos, Constantín, Covas, Ferreiros, Francos, Guimarei, Laxes, Lebruxo, Neira (S. Estevo), Pacios, Piñeira, Picato, Pousada, Recesende, Riba de Neira, Sixirei, Traspena, Teixeira, Vale, Vilachambre, Vilar, Vilarpunteiro e Vilartelín. NEIRA DE REI: Frairia, Furis, Neira de Rei (S. Martiño), Neira de Rei (S. Miguel), Masoucos, Penarrubia, Pedrafita e Martín. Estes axuntamentos funcionaron ata que a circular da Xunta de Goberno provisorio da provincia de Lugo, do 9 de outubro de 1840, publicada no BOPLU número 84, do 18 de novembro do mesmo ano, reduce de 87 a 62 axuntamentos e suprime o de Neira de Rei, permanecendo como novo axuntamento o de Neira de Xusá que tería as parroquias coas xa contaba máis as dúas de Neira de Rei (S. Martiño e S. Miguel) e tamén Penarrubia e Pedrafita. Das restantes parroquias pertencentes ao desaparecido axuntamento de Neira de Rei, Frairia, Furís e Masoucos pasarían a Castroverde e Martín a Baleira. BOPLU 25 DE ABRIL DE 1841: 32 PARROQUIAS BOPLU 25 DE NOVEMBRO DE 1841: 29 PARROQUIAS BOPLU NUMERO 22 DO 21 DE FEBREIRO DE 1845: DANSE AS PARROQUIAS: Territorialmente non se deu ningunha alteración no que agora é o concello de Baralla, se ben as 31 parroquias do repartimento de consumos do ano 1845, baixaron unha unidade ao ser subsumida a parroquia de Traspena (San Mamede), na de Covas (Santiago), onde aínda existe unha unidade co nome da antiga parroquia, Traspena. Un intento de modificación territorial viuse na sesión da deputación de Lugo de 4 de setembro de 1844, na que foi informada unha solicitude dos lugares de Vilachá, Viduedo, Pedrafita e Camporredondo, pedindo ser segregados de Neira de Xusá, que era entón, para ser agregados logo a Baleira, cousa que a deputación informou desfavorablemente.
|
|
|