Portada páxina web Concello de Baralla
arquitectura popularnaturezapaisaxearte, románicoparroquias, rutas
Web oficial do Concello de Baralla

O tempo en Baralla

Galería de Fotos

 

Arquitectura Relixiosa - San Xoán de Pedrafita de Camporredondo

A parroquial de Pedrafita de Camporredondo é mostra dun tosco e primitivo templo popular, que vai circundado por adro-cemiterio.

A nave está cuberta a dúas augas, baixo das que tres trabes descansan derriba dunha viga tirante con tesoiras.

O fronte vai presidido por unha peculiar e arcaica torre, da que a base fai de cabido e acceso a unha porta adintelada con incipiente arco rebaixado. Esta torre vai erguida a carón dos muros da parroquial, con dous piares grandes de vanos en dinteis (obra feita con muros ciclópeos), que posúe un corpo cadrado e liso con saínte cornixa, baixo outro, o das campás, de catro ocos en arco, coroado por cornixa e cimacio de pirámide.

A nave recibe a luz por medio de dous ocos ós lados da torre, e outro, no lateral sur, completa o conxunto de fiestras da nave.

Tivo coro, do que quedan dúas trabes como único vestixio. Na mesma nave existe unha pía de auga bieita con gallóns, máis outra, de bautizar.

O presbiterio máis reducido e elevado que a nave, está cuberto a catro augas, e posúe un arco triunfal de medio punto, e recibe a luz dun ventanal no sur. Por este accédese á sancristía, máis pequena, que está cuberta a unha auga.

Os retablos, maior e lateral esquerdo, acollen as imaxes de san Xoán do XVIII - colocado nunha obra barroco-rococó, que posúe un corpo con tres fornelos e catro columnas salomónicas de acios  - e dunha Virxe de vestir do XVIII.

Interior da Igrexa de Pedrafita de Camporredondo


A escultura complétase coa representación (no ático do retablo) dun medallón cunha pomba, coa do Agnus Dei portando unha bandeira (na pouta) e cun banco con sagrario, que ten dúas columnas helicoidais nos laterais.

Posúe Pedrafita, ademais, unha cruz parroquial realizada en metal.

No ano 1915 existía na freguesía a capela de santa Clara, da que hoxe non fican restos, o mesmo que das de Teixeira (onde houbo igrexa parroquial que foi derrubada ó ser vendidos os terreos dela polo bispado de Lugo), Quintela e Arandedo (de dedicación a santo Antonio de Padua).

Igrexa de Pedrafita de Camporredondo

No lugar de Viduedo existe a capela de santa Elena, de 6,85 por 4,20, que acolle a imaxe da santa titular (da imaxinería de vestir), ademais da da Inmaculada e a de santo Antonio, pezas da arte popular tosca e arcaizante dos séculos XVII-XVIII.

Volta a Arquitectura Relixiosa    Volta a parroquias   Volta a turismo

 


      (C) Concello de Baralla  Nota legal  |          Accesibilidade     |   Deseño e Programación: IMER Computer