|
|
EVARISTO CORREA CALDERÓN - DATOS BIOGRÁFICOS Evaristo Correa Calderón nace o 11 de febreiro de 1899 en A Pena, naquel momento concello de Neira de Xusá, hoxe concello de Baralla. Fillo de Antonio Correa Fernández e de Filomena Calderón López, a casa familiar -brasonada con escudo á porta erguérase en 1850. A familia mantíñase en boa posición gracias ás propiedades do agro e ós oficios do pai como médico. Arredor de 1900 a familia aparece instalada en Lugo, Obispo Izquierdo 1, onde o noso autor fai os seus primeiros estudios.
Un aparte merece sen dúbida a figura de Antonio Correa Fernández autor e polígrafo que levou adiante empresas de moi distinto orde e ao que dedicamos outro lugar nesta páxina. Orfo ós oito anos, os comezos do noso autor foron precoces, como veremos aos dezaseis anos colabora xa en La Idea Moderna, onde o fixera o seu pai. En 1917 marcha a Madrid onde inicia estudios en Filosofía e Letras na Universidade Central, estudios que non chega a rematar, nesas aulas coincide co poeta Luís Amado Carballo. Aloxarase na Residencia de Estudiantes onde entra en contacto con Juan Ramón Jiménez. Durante esta etapa madrileña convive con outros residentes como os lugueses Carlos e José Vazquez Fernández Pimentel -irmáns do poeta- ou co Luís Buñuel mozo que entra no mesmo curso de 1917. Nestes anos coinciden na institución moitos outros mozos que serán protagonistas do clima intelectual do primeiro tercio de século. Na cidade tamén trabou coñecemento de José Ortega y Gasset por medio de Ramón Méndez y Castro Jato, maxistrado do Tribunal Supremo e secretario particular de Ortega, de ideas rexionalistas, que era natural de O Corgo. Son os anos de aprendizaxe cando prende nel a chama nacionalista. Comeza a colaborar na prensa e nas revistas da época: El sol, Hoy, revistas de ultraísmo – Los Quijotes, Cervantes, Grecia – ou as de arte; La Esfera e la Ilustración Española y Americana. De volta a Lugo nas vacacións vémolo na primeira Asamblea Nacionalista. Desde este momento empeza unha intensa colaboración nos medios nacionalistas, fundamentalmente en A Nosa Terra. Moi probablemente polo impulso do director de La Idea Moderna, o Correa mozo funda a Irmandade da Fala de Lugo, de efémera vida. De 1919-1920 é a creación do grupo Xuventude Céltiga en Madrid, impulsada dende Ourense por Vicente Risco. En 1924 volta á casa familiar -do ambiente cultural galego nunca estivera desconectado- onde promove Ronsel e descobre ó Luís PimenteI poeta. Pero tamén a Xesús Bal, ao musicólogo, ao daquela pintor Angel Johán e a Álvaro Gil, o namorado da arte. Cursa a carreira de Filosofía e Letras, sección Historia, en Santiago de Compostela e logra levala adiante nun ano. Nestes anos prodúcese un progresivo distanciamento das irmandades e en xeral da praxe nacionalista, interesándose polo traballo do Seminario de Estudios Galegos no que ingresa en 1925. Volta a Madrid e no curso 1927-1928 marcha a Toulouse como lector de Español. Alí Correa Calderón lecciona na cátedra de Lingua e Literatura Española da École de Commerce e na de Lingua Española da École d´Instituteurs onde ao ano seguinte o fará Luis Cernuda. En Toulouse coñece e colabora con Marcel Bataillon. Desde aquí desprazase con certa frecuencia a París onde coñece no café de Montparnasse ós surrealistas André Breton e Louis Aragon. En Toulouse, Evaristo Correa Calderán codirixe, así o afirma, a revista Transit co que logo será cineasta André Cayatte. Nesta publicación traduce poemas de Gerardo Diego, poeta moi apreciado polos novos, aparece “Femme du pain” -traducción de Auguste Deltour de “A perdida”- e o traballo sobre poesía española contemporánea “La poesie espagnole d'aujourd'hui”, que só viu a luz na súa primeira parte. En 1930 imparte un curso de Literatura Española na Universidade de Bucarest. Polas rnesmas datas -30 de novembro de 1931- aparece na cidade o Instituto de Cultura Gallega de Lugo, que tentaba promocionar o local e o galego no campo da cultura. Salustiano Carro Crespo era o seu presidente, Evaristo Correa Calderón o vicepresidente. Unha experiencia pioneira no cineclubismo foi o grupo Ars que se reunía no Círculo das Artes de Lugo. Este interese polo cinema na cidade luguesa terá o seu reflexo no xornal Vanguardia Gallega. A década dos trinta marca unha inflexión na súa vida. Alónxase paseniñamente do galeguismo, non voltando a escribir na nosa lingua pero si sobre tema galego. Casa en 1934 en Madrid con María de la Asunción de Polanco y Drake de la Cerda y Redondo – de orixe aristócrata - coa que ten a súa única filla, Asunción. A súa dona morre tres anos máis tarde víctima dunha estraña enfermidade. No verán do 36 atópase de volta en Lugo nunhas vacacións -impartía a docencia en Almería- das que xa non poderá reincorporarse. Acólleo entón José Filgueira Valverde e habilítase unha praza de profesor de Lingua Portuguesa no instituto lugués, a primeira na historia do noso ensino. O papel desenvolto polos irmáns Correa Calderón -sobre todo Evaristo e Juan Antonio- neses primeiros anos foi dunha gran dimensión pública. O máis novo afiliouse á Falanxe luguesa en 1935 e Evaristo ó ano seguinte. O xornal católico La Voz de la Verdad cóntanos que nos funerais polo comandante Manso, celebrados no 36, o representante da Falanxe era Juan Antonio Correa Calderón. Nun cerimonial de erguemento de bandeira ocorrido o 18 de agosto dese ano aparece tamén como representante dese grupo e o 17 de setembro é o xefe local do movemento e como tal desenvolve o seu papel nos funerais por Cedrón del Valle, ao que sucede no cargo. Evaristo Correa Calderón, profesor no instituto de Lugo nos cursos 1936-37 e 1937-38, dá clases de Lingua e Literatura portuguesa despois de ser proposto para o cargo o 16 de outubro do 36. Foi nomeado dez días despois «profesor provisional e meritorio logo de presentar como traballo de acceso a traducción da novela de Norberto de Araujo Amor humilde, publicada logo en Ediciones Oriente de Madrid, en data descoñecida. Afiliado no 36 á Falanxe, compartiu as clases no instituto co cargo de xefe local de Prensa e Propaganda á vez que redactor-xefe de Azul, revista falangista de pedagoxía, continuadora de Vida Escolar. Ademais foi nomeado xefe de estranxeiría no Gobemo Civil lugués.Os irmáns Correa Calderón deixan os seus postos dirixentes na Falanxe en 1937. No caso de Evaristo, a lealdade ó movemento é total neste primeiros anos. Colabora no fastoso Laureados de España (1939), primeiro monumento da estética fascista en España, con «Honra del bien morir» en compaña de Gerardo Diego, Camilo J. Cela, Carlos Martínez Barbeito, Ernesto Giménez Caballero ou Manuel Machado. En 1944 contrae navamente matrimonio con María Luisa Maldonado y Alvarado, terceira marquesa de Trives e sétima de Castellanos. Morre Evaristo Correa Calderón na Póboa de Trives, en Ourense, en 1986. |
|