|
| ARQUITECTURA POPULAR
A arquitectura popular dá resposta ás demandas que fai o home para satisfacer as súas necesidades, non só de refuxio senón tamén socioeconómicas e culturais.
Na cultura material dun pobo é onde se recolle a especifica forma de ser dese pobo: a economía, os seus modos de vida, ferramentas e aperos cos que se conta para facer os traballos.
Partindo destas consideracións, nesta apartado dedicado á arquitectura popular imos facer unha diferenciación entre o que sempre se considerou como arquitectura con certa entidade – pontes, pazos, fortalezas...- e aquelas construccións que responden ás demandas do medio e da necesidade de satisfacer as necesidades primarias de alimentación e abrigo.
Os pobos galegos, e por suposto o noso, énchense de construccións nas que se acubillan as persoas e a facenda – a casa-vivenda – construccións para transformar e almacenar productos do agro, para aproveitar a auga, de pequenas industrias artesanais, de delimitación do territorio, en fin, de casas, muíños, hórreos, fornos, pombais, palleiras e alpendres, valados e cerres, pontes e pontellas, arcas, calzadas...
Este último apartado quere ser unha homenaxe aos nosos antergos que cos materiais, a pedra e a madeira principalmente, que a natureza próxima lles proporcionaba, xunto con técnicas depuradas ao longo dos tempos foron quen de levantar – coa axuda dos veciños que axudaban a carretar a pedra desde a pedreira e mesmo a facer a casa – construccións que nos falan doutros tempos e doutra forma de vida que aínda que superada non debemos esquecer, é unha homenaxe á arquitectura sen arquitectos.

Volta a patrimonio artístico | Volta a turismo |
|