Portada páxina web Concello de Baralla
arquitectura popularnaturezapaisaxearte, románicoparroquias, rutas
Web oficial do Concello de Baralla

O tempo en Baralla

Galería de Fotos

 

ARQUITECTURA POPULAR - A CASA-VIVENDA.

A distribución dos espacios nesta edificación ten unha gran regularidade, anque o número de dependencias depende do grado fisico da casa-vivenda e da capacidade económica da casa. Na planta térrea, á que se accede por dúas portas situadas na fachada principal e na fachada oposta, unha fronte á outra, están situadas a cociña e mailas cortes, éstas en número variable, comunicadas por medio do pasadoiro, que atravesa toda a anchura da casa-vivenda, e as escaleiras que levan ó primeiro andar. Neste áchanse os cuartos de durmir en número tamén variable, e unha sala onde, case sempre, desemboca a escaleira. Moitas veces, baixo cuberta existe o faio, espacio que amplía os lugares de almacenamento.

A cociña, como en toda Galicia, é o lugar central do fogar, anque neste caso é o de maiores proporcións de tódalas tipoloxías. Está presidida pola lareira, situada xeralmente no medio do muro penal, que en casos ocupa toda a anchura da cociña, consistente nunha pequena repisa feita con boas pezas de cantería sobre a que se fai o lume. A carón dela vai o escano, baixo, ou detrás do que, se almacena a leña para o consumo do día, algún pequeno banco e o guindaste ou guindal para colga-la camalleira (esta é a denominación que por estas terras recibe a gramalleira) da que pendura o pote sobre o lume aceso. Nas lareiras de maiores dimensións, tanto o escano ou escanos como os bancos se sitúan enriba da repisa.

Sobre a lareira vai a cambota, aquí chamada pildurado, que leva no seu interior o canizo, e remata na cuberta cunha chemínea, moitas veces coidadosamente realizada. Ademais do nome, a cambota ten nesta ampla rexión das chairas e depresións lucenses unha constitución diferente á de outros lugares xa que se fai con táboas de madeira e que se fixa ó muro penal con madeiros de carballo; nalgún caso pode ser de pezas de granito, soportando a esquina ou esquinas voadas cun forte esteo da mesma pedra, solución igual que a que se fai noutros lugares.

Preto da lareira, diante da única fiestra que leva a cociña, está o vertedeiro. Hai unha ou varias lacenas, que se localizan nun recuncho ou aproveitan a anchura do muro para empotrarse nel, pechadas cunha contra de madeira; moitas veces, de se-lo espacio un paco máis grande do normal, tamén hai unhapequena despensa. . Unha pequena mesa e mailos bancos, que acostuman ser de levante, completan a austera moblaxe da cociña, complementada con alzadeiro, espeteira, artesa, etc.

A pavimentación é, unhas veces, a base de tema apisoada, agás onde vai a lareira que, en xeral, leva boas lousas de granito; outras veces a pavimentación faise con lastras de xisto ben colocadas e asentadas sobre a terra compactada, con varias formas e dimensións, ou con grandes lousas de granito, reservado para lugares que requiren dunha alta calidade no seu acabado.

O forno ten, en ocasións, o seu lugar na mesrna cociña, anque en boa parte das casas-vivenda ubícase nunpequeno alboio ou arrimado situado preto do edificio central.

As cortes, onde se acobilla o gando, ocupan a maior parte da planta térrea. Polo xeral son un grande espacio aberto, mentres outras veces consta de varios recintos delimitados por táboas ou chantas para cortellos, nos que o labrego mete os cuxos cando nacen, as ovellas e aínda os porcos. Moitas vivendas presentan na entrada unha primeira corte chamada estravo, pola que hai que pasar para ir á cociña. Os vanos que leva a corte ou cortes son os fachinelos (bufarda é a denominación máis extendida), de reducidas dimensións, e a cama de estrume sobre o leito habitual das cortes en toda Galicia é tamén a solución usual nesta rexión. Por Último, na planta térrea está o patio (xeralmente coñecido en Galicia por pasadoiro), espacio que fai de distribuidor e de comunicación, situado entre a cociña e mailas cortes, ó que dan as portas para entrar nelas, ocupando unha terceira parte da superficie da planta.

No primeiro andar, subindo polas escaleiras, que arrancan ben da cociña ben do pasadoiro en disposicións variadas, chégase á sala ou cuarto grande, a dependencia de maiores dimensións que se destina a celebracións familiares. Vai dotada dunha grande mesa feita de castiñeiro, e dun chineiro onde se garda a loma e, cando é necesario, póñense leitos para dormir. A sala fai de distribuidor e por ela éntrase nos cuartos de durmir, separados da sala en entre eles por división de madeira. Neles hai os leitos e tamén se dispón, dentro da austeridade que preside a dotación mobiliaria, dunha mesiña de noite e dun pequeno armario. Nalgún dos cuartos situados enriba da cociña pode haber huchas de trigo, así como unha pequena despensa adosada ó pildurado, en ambos casos para recolle-lo calor e cura-los productos que hai nestes recintos pechados. O parladoiro aparece nalgún cuarto, e todo o andar leva un entramado de madeira terminado nun soallo de maior ou menor calidade. Aproveitando o espacio que queda debaixo da cuberta vai en moitos casos o faio, un lugar aberto coma un segundo andar.

Volta a arquitectura popular   |  Volta a patrimonio artístico

 


      (C) Concello de Baralla  Nota legal  |          Accesibilidade     |   Deseño e Programación: IMER Computer