Portada páxina web Concello de Baralla
arquitectura popularnaturezapaisaxearte, románicoparroquias, rutas
Web oficial do Concello de Baralla

O tempo en Baralla

Galería de Fotos

 

ARQUITECTURA POPULAR - MUIÑOS

Dentro da arquitectura popular galega, o muíño representa un papel moi significativo, xa que na economía tradicional o gran foi un elemento fundamental, e en consecuencia, o muíño tivo unha importancia evidente.

Interior do Muíño

A súa finalidade máis xeneralizada era a de moer o gran para a obtención de fariña, aínda que tamén existiron outros tipos que cos mesmos trazos xerais, a súa finalidade era diferente, así fronte a onde está a Casa Curro – na Ponte de Neira – había un pelamio para curtir as peles; en Aranza había unha fábrica de papel, da que Madoz - sobre o ano 1850 - di que producía un papel de grande calidade, e que segundo Amor Meilán tiña un salto de seis metros que utilizaba cen litros de auga por segundo.

Existen muíños de diferentes características e finalidades; aquí falaremos dos muíños hidráulicos, chamados tamén de auga ou regato, dos que había e hai gran cantidade no noso concello, Manuel Amor Meilán no tomo correspondente a Lugo da "Geografía General del Reino de Galicia" (ano 1928) fala duns 15 muíños distribuídos nas distintas parroquias, tamén di que segundo os datos oficiais, dous dos muíños movidos polas augas do Neira contaban con saltos de 2,98 e 3,40 metros, con un caudal utilizado, por segundo, de 1.000 e 555 litros respectivamente. Practicamente todos están en desuso e mesmo en condicións ruinosas a maior parte deles.

Muíño de             Bruia

Os muíños de auga presentan dous tipos: o de roda matriz horizontal - rodicio - e os que a teñen vertical - bruia. Os primeiros son os muíños propiamente ditos, os máis vellos e os máis correntes na nosa terra. Os segundos, aceas ou aceñas, son unha variante deles e semellan de introdución máis recente. Só se diferencian na maneira de aproveitar a forza da auga, pois nos demais elementos son idénticos.

O muíño sitúase á beira do río ou regato aínda que tamén pode estar afastado deste, son en xeral construcións de pequenas dimensións, de 6 ou 7 m. por 4,5 m. Construídos a base de cachotería e perpiaño e con cuberta de lousa a unha ou a dúas augas. O único oco que presenta é a porta de entrada, situada normalmente no lado curto, onde ademais aparece o "pousadoiro" ou pouso, que consiste nunha pedra fincada no muro, preto da porta, que sirve para apoiar os sacos. Nalgunhas ocasións aparece tamén un ventanuco pequeno que ilumina e ventila o "tremiñado".

Os muíños teñen dous andares: superior ou tremiñado e o inferior coa parte que da ao río totalmente aberta (inferno, sarteu...) onde xoga o rodicio.

No caso das aceñas, pódeas haber de dous tipos segundo a bruia (especie de noria) reciba a auga por arriba ou por abaixo.

Dentro dos muíños hidráulicos de río distinguimos, na nosa zona segundo sexa o sistema de captación da auga, entre muíños de canle ou de cubo.

Muíños de canle, a súa principal característica radica na canle pola que circula constantemente a auga que vai dar directamente ao inferno, pódeos haber de canle descuberta ou de canle cuberta no seu tramo inclinado e, ás veces, nunha parte do tramo horizontal.

O muíño de cubo emprégase en cursos de escaso ou irregular caudal, actuando o cubo, como depósito de almacenamento da auga.
 
Os muíños podían ser de propiedade particular, co cal o dono (muiñeiro), cobraba por moer unha parte do gran que moían (maquías), de aí o nome de muíños "de maquía", ou tamén podían ser de “herdeiros” (comunais), isto é, muíños que foron feitos nun terreo á beira do río comprado por un grupo de veciños, cada un dos cales tiña unha chave e dispoñía dunas horas diarias para moer.

Os que estiveron en funcionamento ata non fai moito tempo, seguen todos un sistema semellante, con moi poucas variantes: a auga acumúlase nunha represa e lévase ó muíño por unha canle desde a que se fai caer para que colla forza e mova as palas do rodicio, situado na parte baixa do edificio; sobre a roda do rodicio encaixa o eixe vertical que, na parte superior do edificio, fai xirar unha peza circular de pedra chamada moa sobre outra cilíndrica fixa -o pé- entre as cales vai caendo o gran desde unha caixa troncopiramidal invertida que se denomina adella, moega, moxega, sartego ou tremola da que sae unha especie de pequena canle – a quenlla, caneta ou adellón – que vai dar xusto sobre o burato central da moa e é por onde vai caer o gran para introducirse entre a moa e o pé. Para que vaia baixando o gran, a quenlla ten que ter un lixeiro movemento que se consegue normalmente do propio movemento da moa por medio dunha sinxela táboa ou tarabela; outros sistemas secundarios serven para reter o paso da auga ó muíño, moer o gran máis fino ou máis groso, recoller a fariña nunha caixa, etc.

No noso concello poden verse exemplos de todos os tipos de muíños dos que levamos falado, e mesmo de agrupacións de muíño e aceña xuntos.

Os muíños non só forman parte da paisaxe e da historia, senón tamén da cultura popular, recollida no folclore (cantigas, bailes....) e na literatura (refráns, cantigas, lendas...), os costumes das que estamos a falar fóronse perdendo, igual que van desaparecendo os muíños, substituídos progresivamente polos eléctricos, ó abeiro das modificacións e alteracións sufridas pola economía tradicional. Non obstante nos últimos anos, estas construcións considéranse de interese etnográfico, debendo entre todos fomentar a súa restauración.

Muiñada, adiviñas, refráns e cantigas.

Volta a arquitectura popular    Volta a patrimonio artístico

 


      (C) Concello de Baralla  Nota legal  |          Accesibilidade     |   Deseño e Programación: IMER Computer