Portada páxina web Concello de Baralla
arquitectura popularnaturezapaisaxearte, románicoparroquias, rutas
Web oficial do Concello de Baralla

O tempo en Baralla

Galería de Fotos

 

ARQUITECTURA POPULAR - O MAZO

Facendo un percorrido polo noso fermoso val atopamos na parroquia de San Martiño de Neira de Rei, un Mazo de auga a carón do río de Busto do que se abastecía para o seu funcionamento, dende mediados do século XVIII ata fai uns quince anos, que viña sendo utilizado polos seus propietarios, pasando en herdanza dunhas xeracións a outras no seo dunha familia de ferreiros. Hoxe é propiedade de José García Torneiro, Luís Velón Méndez e César Fernández Fernández.

Banzado do Mazo

Algo de historia.

É o enxeño máis representativo, tanto das grandes ferrerías, como das forxas ou machucos regateiros. O seu movemento baséase no rodicio ou roda motriz colocada verticalmente, o mesmo que dos folóns ou batáns e o das aceas. Recibe a auga dende arriba, dende o banzado, anque hai algúns que aproveitaban a forza da que caía por unha canle semellante á de algúns muíños.

Os primeiros datan dos séculos XI-XII, e foron ideados tendo en conta os muíños fariñeiros e, sobre todo, os batáns, que xa facían uso da árbore de levas. A primeira mención que demostra a existencia deste enxeño procede do Bierzo, e data do ano 1245.

Da importancia deste elemento deriva o que lle dera nome a todo o conxunto e mesmo o local no que se traballa. No noso caso a aldea que alberga o local pasou tamén a chamarse “Os Mazos”.

Funcionamento do Mazo.

En síntese o seu funcionamento era como segue: ó turrar o ferrón pola vara ou cadea sube a maza e a auga do banzado cae polo chifrón e dá contra as pas da roda, que fai xirar a árbore ou eixe sobre os gorreóns. No lado contrario están os malugreiros, que son catro piñóns ou trinquetes que baten contra o extremo do mango obrigándoo a que se erga, e deixándoo caer de súpeto ó sobrepasalos, volvéndose a repetir cos catro, polo que cada volta que dá a roda veñen a ser catro golpes do mazo na ingre. O mango xira na boga sobre as aldabarras asentadas nos mandiles e do que terman os ceos e a cadea.
 
Agás os gorreóns, a boga, o mazo e a ingre, todo o demais é de madeira, preferentemente de carballo, aínda que a árbore tamén pode ser de castiñeiro. Segundo o que se abra o chifrón, así xira máis ou menos, podendo chegar a dar uns 125 golpes por minuto.

Elementos que o compoñen.

· A árbore é un eixe que xira horizontalmente sobre dous espigóns, os gorreóns, que ten nos extremos e que encaixan en dous buratos. A árbore leva preto do cabo a roda ou rodicio, provista de dezaseis aletas ou pas sobre as que cae a auga contida nun depósito, o banzado, por medio dunha canle e fai poñer en movemento o aparello.

· No outro cabo ten este eixe ou árbore catro saíntes, os malugreiros, que tropezan alternativamente co rabo do mango, reforzado cunha peza de ferro, a ximela.

· O mango é unha panca de madeira tamén horizontal e que está colocada perpendicularmente á árbore. A uns oitenta centímetros do rabo ten unha argola de ferro, a boga, con dous espigóns ós lados. Estes espigóns xogan en dous tacos de ferro, as aldabarras, que se manteñen fixas por medio de mandiles, ou cuñas de madeira nun entramado feito con cepos fortemente afincados no chan, e de cadeas ou trabes que van dun cepo a outro.

· No outro cabo do mango vai o mazo, que é un aro de ferro cunha prolongación por debaixo que se amarra ó mango por medio dun cuñón e doutras cuñas máis pequenas de madeira e ferro.
· Por debaixo do mazo atópase a ingre, que é de ferro e serve para recibir os golpes do mazo. Hai que colocar o ferro quente entre o mazo e a ingre para traballalo.

· A canle por onde baixa a auga que move a roda ten a súa boca superior no fondo do banzado e tápase por medio dun taco de madeira, a maza, que sube e baixa entre dúas guardillas, e vai pendurando dunha vara en forma de panca e que ten no outro cabo unha cadea para tirar por ela.

· Agás os gorreóns, a boga, o mazo e a ingre, todo o demais é de madeira de carballo.

Volta a arquitectura popular    Volta a patrimonio artístico

 


      (C) Concello de Baralla  Nota legal  |          Accesibilidade     |   Deseño e Programación: IMER Computer