|
| ARQUITECTURA POPULARO alpendre é o espacio máis usual de almacenamento, conservación ou protección, que está presente en calquera unidade familiar agraria e que ten a mesma antigüidade que a casa-vivenda.
A palleira é a construción de almacenamento máis importante, a tipoloxía máis estendida é a da palleira de dous andares, a planta térrea pode facer de alpendre e gardar produtos e trebellos do campo, ou estar destinada a corte, mentres que o andar superior é o que se utiliza como almacén de herba ou palla seca. O alimento fundamental dos habitantes de Galicia dende os tempos máis antigos foi o pan. Nun comezo ese pan facíase de landras e de castañas, máis adiante de centeo – daquela, practicamente o único cereal usado e que, mesmo por iso, se coñecía co nome de pan- e, a partir do século XVII, tamén de trigo e de millo.
O forno é o lugar que da fin ao proceso produtivo do pan, que arranca coa semente e colleita do cereal, continúa coa malla no caso do trigo ou do centeo e a esfolla no caso do millo, o almacenamento do primeiro cereal nas tullas, huchas ou arcas e do segundo nos hórreos ou nas paneiras, e logo da súa transformación mediante a moenda do gran no muíño para obter a fariña. Por último, faise o amasado e a cocedura no forno para ter o pan. A presenza do forno na economía agraria tradicional de Galicia está xeneralizada, antes en case tódalas casas rurais había un forno. A función xenérica do hórreo é a de ser o graneiro do millo, xa que no seu recinto se almacenan e deloiran as espigas unha vez se realiza a esfollada ou escasula, tiña tamén outras funcións xa que nel se gardaban patacas, fabas, cebolas, allos, queixos, carne de porco así como froitos secos. O hórreo está composto de dúas partes fundamentais: a base e a cámara. Na base, ademais da cementación ou soleira, están os soportes, como elementos de elevación, sustentación e illamento, e os tornarratos, ou dispositivos de defensa que impiden o paso á cámara dos roedores.
A cámara é a peza esencial do hórreo , pois nela é onde se almacena e se seca o millo ou os produtos alí gardados, mediante a aireación que lle vén polas aberturas dos muros laterais –os costais-.Na cámara distínguense tres partes, cada unha delas cunha función ben definida: a estructura, constituída por un esqueleto a base de columnas verticais que se apoian en catro trabes horizontais que conforman o piso ou grade; os cerres verticais, denominados costais os dos lados maiores e penais os dos menores e a cuberta, realizada con sumo coidado para preservas da chuvia o interior, que descarga todo o seu peso nas trabes e columnas. Na nosa zona, os poucos hórreos que quedan son de madeira, do tipo asturiano-lucense, no que a cuberta e de colmo a catro augas, que acostuma a ser cadrado e baixo , con sustentación alta (o espazo que queda debaixo da cámara úsase para gardar o carro, leña ou apeiros de labranza). A cámara aséntase sobre a grade, que se apoia nos tornarratos, formada por catro trabes de sección considerable, un cerre de táboas postas a tope e, polo tanto, sen fenda algunha, dado que o este tipo de hórreo non ten a mesma concepción que o orixinariamente galego (non para secar, cousa que se fai poñendo as espigas ó sol en restras penduradas do beiril da cuberta. Vai cunha única porta situada nun dos lados, entregándose na parte superior a outro conxunto de trabes que apoian nos esteos que forman os esquinais e soportan todo o peso da cuberta que leva unha elemental estrutura e grandes aleiros que se traslada á grade e ós pés. O castiñeiro é a árbore emblemática do noso concello e de aí a existencia de numerosos soutos. Construtivamente, a ouriceira é un pequeno amurado, de forma redondeada, case circular, construída de forma moi rudimentaria. Está composta duns muros de cachotería cun único oco para acceder ao interior, pechado cun portelo feito a base de rústicas táboas encaixadas en dous pés dereitos chantados no terreo e fixados aos muros.
Non se sabe cando se empezaron a facer, aínda que se supón que foi moi cedo dado que a castaña foi durante moito tempo a base fundamental da alimentación. Unha vez vareados os ourizos xúntanse cun angazo e bótanse dentro da ouriceira. Ó estar cargada, os ourizos tápanse con silvas e fentos. Cando se coida que estean en disposición de separar o froito do ourizo, de xebrar, bótanse fora da ouriceira collendo as castañas que se levan para a casa e póñanse no caínzo para acabar de curar e secar. |
|