|
| ARQUITECTURA POPULAR
AS FONTES
A fonte é unha construción destinada a aproveitar a abundancia de auga para o seu uso no fogar.
Entre as múltiples variedades de fontes, distínguense claramente a fonte manancial e a fonte de cano da que temos un estupendo exemplar en Penarrubia.

OS LAVADOIROS
O lavadoiro é unha construción ao ar libre creada para o lavado da roupa a man, que en moitas ocasións forma parte do conxunto que encabeza a fonte, onde están as pías e pilóns.

OS PASADOIROS
Fora das pontes como obra de inxenería civil da que nos ocupamos noutra parte desta páxina, encontramos:
.- Pasadoiros: cando se trata dun camiño que ten que cruzar un regato sen importancia, a solución consiste na simple colocación dunhas pedras denominadas pasadoiros.

.- Pontellas: elementais pontes de pedra ou de madeira. A solución en madeira resolvese con dúas grosas trabes de tronco de árbore de diámetros diversos que van dunha a outra beira. Temos un magnifico exemplo en Quintá.

OS PELAMIOS
Como indicamos cando falamos dos muíños, outro aproveitamento dos canles de auga era para curtir as peles. En Ponte de Neira, fronte á casa Curro, había un que inicialmente fora fábrica de luz e hoxe está totalmente desaparecido.
AS CALZADAS
"Calzada" é a denominación que reciben unha especie de muros pétreos, que se complementan con estructuras de madeira (estacas, canas e polas de árbores) dispostas transversalmente na canle do río que teñen por misión desviar parte do caudal para unha canle que recibe aquí o nome de "presa".
As "calzadas" (de "calzar", poñer calza, freo, neste caso ó caudal de auga, ou ben base, cimentos) reciben maioritariamente no resto de Galicia o nome de "caneiros", e poden ter dúas funcións: a de crear canles de auga para o regadío, ou a de crear unha barreira para os peixes
No Neira, as "calzadas" teñen unicamente a función do desvío da auga. As presas son as canles ou regos que xorden de cada calzada e que conducen a auga que se empregará para o regado dos prados da ribeira, e tamén para os muíños e as arcas de pesca onde os hai.

AS ARCAS
Chámaselle nesta zona "Arcas" a unhas construccións de pedra, de forma rectangular, con lousado de pizarra a dúas augas, como pequenas casoupas, duns tres por dous metros nos lados e metro e pico de alto, mais ou menos. O nome venlles precisamente desa forma de arca, cubiforme. Están sempre situadas entre unha presa e a canle do río, na cabeza da presa, preto da calzada, onde hai aínda un importante caudal de auga e entra a pesca (cara ó cabo da presa o caudal é cada vez menor e a presencia de peixes escasa). A súa función é a captura de troitas e anguías . O método de captura é moi sinxelo: nunha das caras da arca hai unha entrada para a auga da presa, que cae no seu interior sobre unha base de barrotes de madeira que a deixan coar por entre eles, pero non os peixes, que quedan atrapados sobre esta base. A auga que cae é recollida por unha canle inferior que a conduce de novo ó río.
Tense apuntado a hipótese dunha orixe romana para estas construccións, de feito popularmente chámaselle "arcas romanas" pero non hai constancia histórica deste dato.

Volta a arquitectura popular Volta a patrimonio artístico |
|