Portada páxina web Concello de Baralla
arquitectura popularnaturezapaisaxearte, románicoparroquias, rutas
Web oficial do Concello de Baralla

O tempo en Baralla

Galería de Fotos

 

INFORMACIÓN XEOGRÁFICA - RELEVO

Forma parte da área montañosa que se estende ó leste da meseta lucense. Define o municipio un conxunto de aliñacións montañosas (somontes dos Ancares). cunha orientación xeral nornoroeste/sursueste e as súas altitudes máximas localízanse no sector setentrional do termo, concretamente na serra do Puñago (Fonte dos Pollos. 943 metros), que á súa vez fai de límite co municipio de Castroverde, e o cume Monteiro (940 metros) que tamén fai de límite cos municipios de Baleira e Becerreá. Destas zonas montañosas deriva cara ó centro do municipio (Rañadoiro, 898 metros) unha serie de formacións de altitudes menores que bordean o río Neira. Cara ó sur descende a altitude, destacando o monte das Labradas, con 929 metros.

En xeral, a topografía de Baralla ten unha altitude media de 700-800 metros, situándose as cotas máis elevadas nos bordos do municipio para descender moi suavemente cara ó interior, ocupado pola depresión do val do río Neira. Salvo nalgúns afloramentos cuarcíticos, o relevo caracterízase por cumes redondeados e suaves con vertentes de pendentes bastante acusadas. Dende o punto de vista litolóxico, os materiais son do paleozoico e presentan unha soa esquistosidade, deformada. Macroestructuralmente, está constituído por un amplo sinclinal duns 5-6 quilómetros de lonxitude, onde a esquistosidade nun e noutro flanco mostra buzamentos de 30­40°, que dan lugar ó peche periclinal de BaraIla. No flanco occidental e oriental do pregamento de Baralla aflora a serie de Cándana, formada por unha sucesión xistosa con grandes intercalacións de materiais areentos e cuarcitas. O mesmo ocorre coas calizas de Vegadeo, que afloran en ámbolos lados da prega, ocupan grandes extensións e dan lugar a unha topografía moi abrupta. No corazón do sinclinal aparecen flysh alternando con xistos e lousas. Igual cá serie de Cándana, dá relevos destacados

En canto á hidrografía, a rede fluvial organízase en tomo a un leito principal, o Neira, río ó que está supeditada toda a hidrografía do municipio. Algúns afluentes que drenan as terras de Baralla son: o Guimarei, pola marxe esquerda, con dirección noroeste­sueste, e o Busto ou o Cobo, pola marxe dereita e en dirección sueste-noroeste. Estes regos de segunda orde que alimentan o Neira proceden das aliñacións montañosas que bordean o municipio formando unha rede dentrítica. O conxunto hidrográfico ten unha dirección nordeste-sudoeste e unha altitude media de 500 metros, con vales nalgúns puntos encaixados nos materiais cuarcíticos da parte setentrional, que se abren progresivamente cara á parte meridional do municipio e transfórmanse en vales máis anchos con vertentes de suave pendente, debido a que os materiais son facilmente erosionables (xistos, dolomias).

Situación   Como chegar    Información xeográfica 

   Clima   O tempo

 

 


      (C) Concello de Baralla  Nota legal  |          Accesibilidade     |   Deseño e Programación: IMER Computer