|
| RUTA 4: PRAZA – SENRA - ESCOBIO – PRAZA
Distancia: preto de 3 km.
Dificultade: fácil
Para facer : andando ou en bicicleta.
Desde o fondo da praza (onde está a marquesina) e mirando cara a estrada nacional VI (chamase rúa Evaristo Correa Calderón), collemos á esquerda. Chegados fronte ao Concello (está a 30 metros) xiramos á dereita, pasamos por diante do centro sociocultural e continuamos ata que a rúa topa cunha transversal, collemos á esquerda (ata este punto volve de novo a ruta).
Pasamos diante do cuartel da garda civil e chegamos de novo á nacional VI. Collemos á dereita, cando chegamos á ponte de Senra (a ponte sobre o río Neira), xiramos de novo á dereita e deixamos casas á esquerda (a primeira casa que temos á esquerda facendo esquina foi en tempos unha fábrica de gasosas). Continuamos o paseo por un camiño que ten á súa esquerda a ladeira dun monte con castiñeiros e á dereita prados, ao fondo dos cales discorre o río Neira (podemos en calquera momento acercarnos e pasear á beira do río usando pasos de pescadores).
Remata o camiño fronte a unha construcción que en tempos funcionou como un muíño e que agora só mantén a estructura.
Si continuamos por un camiño (empeza case como un sendeiro) que sae á esquerda (pegado ao muíño) en dirección á ponte da autovía, estaríamos xa na ruta 6 – de impresionante beleza.
Como esta é outra camiñada continuamos cara a dereita e antes de terminar de subir a costa que nos levaría á estrada, collemos á dereita un sendeiro que vai paralelo á estrada e que desemboca nela.

Unha vez chegados á estrada collemos á dereita (un pouco máis adiante hai un desvío á esquerda que nos leva a Escobio e que forma parte da ruta nº 5 que vai paralela ao río Neira, pasando pola Pena de Escobio - desde aquí está a 1.5 km. ruta de gran beleza - queda a criterio de cada un agrandar ou non o paseo).
Continuando a nosa ruta, seguimos pola estrada hasta pasar á ponte sobre o río Neira, collemos á dereita por unha rúa de recente construcción con impresionantes carballos na beirarúa.
Acabado o prado que tiña por limite estes carballos podemos coller un camiño á dereita e dar un pequeno paseo pola beira do río Neira, pasamos por diante das “charquiñas” – zona de baño en tempos, que está na esquina do prado -, ata “a cal” – está a 300 metros - canle usada para regar e zona onde tamén en tempos se bañaban os veciños de Baralla, volvemos sobre os nosos pasos e collendo á dereita ao chegar a rúa que acababamos de deixar, chegamos ao cruce por onde empezamos esta ruta, volvemos á praza pasando por diante do Concello.

Volta a Rutas | Volta a turismo
|
|