|
| RUTA 5: PRAZA – ESCOBIO – PENA DE ESCOBIO – FACHITA – PRAZA
Distancia: preto de 5 km.
Dificultade: fácil
Para facer: andando ou en bicicleta.
Desde o fondo da praza (onde está a marquesiña) e mirando cara a estrada nacional VI que atravesa a vila (chamase rúa Evaristo Correa Calderón), collemos á esquerda.
Chegados fronte ao Concello (está a 30 metros) xiramos á dereita, pasamos por diante do centro sociocultural e continuamos ata que a rúa topa cunha transversal, imos cara a dereita por unha rúa de recente construcción que ten no seu tramo final uns impresionantes carballos na beirarua, tamén podemos facer esta ruta collendo á esquerda (neste caso utilizamos o itinerario descrito na ruta 4 ata chegar ao cruce de Escobio).
Remata a rúa na estrada de Escobio, collemos á esquerda, pasamos por riba da ponte sobre o rio Neira e collemos o primeiro desvío á dereita que se interna no pobo de Escobio (si continuamos pola estrada enlazamos coa ruta 4 e coa ruta 6), imos á dereita polo medio do pobo, deixamos a pista asfaltada e a última casa á esquerda e continuamos o camiño, en dirección ao río, sen desviarnos.

Vemos asombrosos exemplares de castiñeiros centenarios que limitan o camiño, ao fondo dos prados vai o río Neira que xa vemos en moitos tramos, ata que terminan confluíndo practicamente o camiño é o río, estamos na Pena de Escobio, á esquerda vemos penas colgadas sobre a ladeira da montaña e a dereita temos a Pena de Escobio, zona de baño dos veciños de Baralla.

O camiño continua e no primeiro desvío á dereita que atopamos metémonos (parece que se mete nun prado, saltamos un pequeno regato que segundo a época pode levar máis ou menos auga), hai un pequeno montículo no prado, continuamos e chegamos a unha pequena ponte feita para a construcción da autovía, cruzamos e despois dunha forte subida chegamos á estrada de Neira de Rei, collemos á dereita. Imos por unha estrada de pouco tránsito e cunha paisaxe agradable, fronte a un desvío á esquerda que nos leva ao monte, e con zona para aparcar, está a baixada (un sendeiro complicado) á Pena de Escobio da que falábamos antes. Continuamos pola estrada e vemos un desvío en pendente á dereita, lévanos á estación depuradora de Baralla e a un bonito souto de castiñeiros ao pé do río, volvemos á estrada.
Continuamos camiñando ata chegar ás primeiras casas da Fachita , collemos un desvío á dereita que pasa por diante do lavadoiro e que nos leva de fronte co cerre do cemiterio vello, si collemos á esquerda chegamos á rúa Evaristo Correa Calderón (antiga nacional VI) collemos á dereita ata que chegamos fronte á praza, si collemos á dereita chegamos á rúa dos carballos, que xa collemos ao principio da ruta, desandamos o camiño ata a praza.

Volta a Rutas | Volta a turismo
|
|