|
| RUTA 6: PRAZA – SENRA – PENA DE ESCOBIO – FACHITA – CONSTANTIN – GUNDIÁN – CTRA. CANTEIRA - BALDRAGA – PRAZA
Distancia: preto de 10 km.
Dificultade: media
Para facer: andando ou en bicicleta.
Desde o fondo da praza (onde está a marquesiña) e mirando cara a estrada nacional VI (chamase rúa Evaristo Correa Calderón), collemos á esquerda. Chegados fronte ao Concello (está a 30 metros) xiramos á dereita, pasamos por diante do centro sociocultural e continuamos ata que a rúa topa cunha transversal, collemos á esquerda.
Pasamos diante do cuartel da garda civil e chegamos de novo á nacional VI. Collemos á dereita, cando chegamos á ponte de Senra (a ponte sobre o río Neira), xiramos de novo á dereita e deixamos casas á esquerda (a primeira casa que temos á esquerda facendo esquina foi en tempos unha fábrica de gasosas). Continuamos o paseo por un camiño que ten á súa esquerda a ladeira dun monte con castiñeiros e á dereita prados, ao fondo dos cales discorre o río Neira.
Remata o camiño fronte a unha construcción que en tempos funcionou como un muíño e que agora só mantén a estructura.
Ata aquí a ruta coincide coa ruta 4.
Pasamos por diante do muíño cara a dereita e ou ben subimos ata a estrada ou collemos un camiño á dereita antes de rematar a costa, nos dous casos chegamos a estrada e collemos á dereita ata chegar a Escobio, collemos á esquerda polo medio do pobo, deixamos a pista asfaltada e a última casa á esquerda e continuamos o camiño, en dirección ao río, sen desviarnos. Vemos asombrosos exemplares de castiñeiros centenarios que limitan o camiño, ao fondo dos prados vai o río Neira que xa vemos en moitos tramos, ata que terminan confluíndo practicamente o camiño é o río, estamos na Pena de Escobio, á esquerda vemos penas colgadas sobre a ladeira da montaña e a dereita temos a Pena de Escobio, zona de baño dos veciños de Baralla.
O camiño continua e no primeiro desvío á dereita que atopamos metémonos (parece que se mete nun prado, saltamos un pequeno regato que segundo a época pode levar máis ou menos auga), hai un pequeno montículo no prado, continuamos e chegamos a unha pequena ponte feita para a construcción da autovía, cruzamos e despois dunha forte subida chegamos á estrada de Neira de Rei, collemos á dereita. Imos por unha estrada de pouco tránsito e cunha paisaxe agradable, fronte a un desvío á esquerda que nos leva ao monte, e con zona para aparcar, está a baixada (un sendeiro complicado) á Pena de Escobio da que falábamos antes. Continuamos pola estrada e vemos un desvío en pendente á dereita, lévanos á estación depuradora de Baralla e a un bonito souto de castiñeiros ao pé do río, volvemos á estrada.
Continuamos camiñando ata chegar ás primeiras casas da Fachita , collemos un desvío á dereita que pasa por diante do lavadoiro e que nos leva de fronte co cerre do cemiterio vello, collemos á esquerda chegamos á rúa Evaristo Correa Calderón (antiga nacional VI), cruzámola e seguimos de fronte.
Despois de pasar a última casa que vemos á dereita, aparece o cruce que nos leva a Constantin (vemos as casas e o pobo á esquerda), collémolo.

Ao chegar as casas, atopamos unha desviación á dereita, non a collemos, si collemos o seguinte desvío á dereita que nos atopamos. Imos polo medio das casas, pasamos a Casa do Liñar (queda á esquerda e da que vemos asomar as palmeiras por riba do cerre), remata o camiño asfaltado e comeza a pista que nos leva ata o muíño.
Deixamos o muíño á dereita e seguindo o camiño enlazamos con outro máis ancho e en bo estado, collémolo á dereita, chegados ao primeiro cruce, collemos á esquerda, o camiño sube un pouco e fai unha curva pechada á dereita. Seguimos este camiño sen desviarnos. Chegamos a un punto no que o camiño perde anchura fronte ás últimas hortas de Constantin, continuamos e agora o camiño pasa polo medio dun souto de castiñeiros, seguimos sen desviarnos. O camiño continua encaixonado entre cerres e carballos, vemos o cemiterio á dereita e ao final chegamos a Gundián, despois da primeira casa que vemos collemos á dereita e seguindo esta dirección chegamos á Fonte de Auga de Gundián.
Desde aquí podemos regresar a Baralla seguindo a estrada.
Si queremos facer esta ruta sen modificacións, seguimos a estrada e a poucos metros collemos á esquerda (dirección Vilarpunteiro), antes da primeira curva que fai a estrada á esquerda e despois de pasar ás últimas casas, collemos un camiño á dereita. É un camiño empedrado ao principio, todo en baixada ata que chegamos á estrada da canteira.
Cando chegamos á estrada collemos á dereita. Desde aquí collemos o segundo desvío á dereita. Tratase dun camiño amplo, en subida, franqueado de árbores ás dúas marxees que se abre ao pasar por entre pastizales e prados, enlaza co camiño da ruta 1 que desde aquí facemos en sentido inverso. Seguimos o camiño sen desviarnos, (si nos desviasemos á esquerda colleriamos a ruta 2 en sentido inverso) e chegamos de novo á estrada de Gundián e Vilarpunteiro. Collemos á esquerda polo tramo que xa fixeramos ao inicio e chegamos á praza de Baralla.

Volta a Rutas | Volta a turismo
|
|